“ANDAR SOLO NO DUELE, SENTIRSE SOLO ES OTRA COSA”

EDUARDO GALEANO

Nalgún momento da vida e seguramente con bastante frecuencia, sobre todo despois dunha actividade “multitudinaria” con amigos e/ou familiares, chegamos a dicir, incluso berrar: “Necesito estar soa …!!”
E, certamente, eses momentos de soidade, calma, introspección e diálogo cunha mesma son necesarios e terapéuticos. Porque o concepto de soidade non é sempre e por si mesmo negativo, de feito existen infinidade de cousas que so podemos facer en soidade, sos con nós mesmos …

Sen embargo somos seres sociais, precisamos dos demais para vivir, para complementarnos como persoas, para aprender e ensinar, para divertirnos e compartir momentos especiais … E, como a maioría das aprendizaxes da vida, a ser social tamén se aprende, practicando

A rede de apoio veciñal

O caso é que non nos educaron, non estamos educando para sentirnos sos, deberiamos aprender a xestionar a soidade, saber que a soidade non desexada pode chegar se nas etapas de soidade “desexada” non creamos vínculos que nos apoien nos momentos máis vulnerables.

Por iso cada vez cobra maior importancia a rede veciñal, que se da con naturalidade no mundo rural, onde hai unha vixilancia, unha atención e axuda mutua máis natural, aceptada sen problema porque non se considera intromisión na intimidade.

Como alternativa válida, posto que unha volta á vida rural sería inviable, está a idea, cada vez máis estendida, da creación de comunidades de veciños (cohousing), onde conviven persoas que comparten espazos colectivos ao tempo que desfrutan do seu propio espazo privado, no que se establecen redes de apoio, de solidariedade e de vida en comunidade.

Existen xa en todo o estado diversas iniciativas que camiñan nesta dirección con intereses diferenciados: comunidades senior e comunidades interxeracionais. Esta modalidade de comunidade permite crear unha rede de coidado mutuo que facilita a conciliación ou necesidade de fogar propio das persoas máis novos e a de compañía e posta en valor da súa experiencia das persoas maiores.