Na vida en comunidade, os desacordos son naturais. En calquera proxecto colectivo, especialmente un tan comprometido como o da vivenda colaborativa, é inevitable que xurdan diferentes puntos de vista, preocupacións ou maneiras de entender o camiño común. En Alvariza, decidimos transformar esas diferenzas nunha oportunidade de aprendizaxe e cohesión.
Por iso, vimos de aprobar en asemblea o Protocolo para o tratamento das discrepancias e conflitos, unha ferramenta colectiva creada co obxectivo de fortalecer a convivencia e facilitar a toma de decisións compartidas.
Este protocolo nace coa vontade de que as discrepancias non sexan un freo, senón un motor para medrar como grupo. Para conseguilo, apostamos por un enfoque baseado no diálogo, a empatía e a escoita activa.
O documento inclúe:
Unha serie de compromisos e actitudes fundamentais para unha comunicación respectuosa e honesta.
Un procedemento claro para abordar e resolver conflitos, desde a detección ata a proposta de solucións.
A posibilidade de contar con facilitación interna ou mediación externa se o conflito persiste.
Un marco para identificar que tipo de discrepancias é necesario abordar como grupo, e cales deben ser canalizadas doutro xeito.
Este protocolo é froito do traballo do Círculo de Convivencia e foi aprobado en asemblea o 26 de novembro de 2023. Con el, damos un paso máis na consolidación dun modelo de convivencia sostible, democrático e coidado.
Seguimos construíndo, paso a paso, un espazo común onde o respecto, o compromiso e o diálogo sexan os piares do noso día a día.
Comentarios recentes