Vivenda colaborativa + Gobernanza = Sociocracia
Quizais esta idea teña moito que ver co tipo de organizacións ás que estamos afeitos. Organizacións verticais, nas que resulta perigoso saírse da parcela asignada segundo o posto que se ocupe, movidas pola competición entre os individuos ou organizacións horizontais,nas que resulta igualmente perigoso enfrontarse ás opinións maioritarias, movidas pola enerxía da competición entre grupos. Ningún dos dous modelos de organización parecen pensados para fomentar unha convivencia harmoniosa entre persoas diversas.
A cuestión é se existe algunha alternativa viable a medio camiño entre a exacerbación do individuo/calidade das primeiras ou do colectivismo/cantidade das segundas e a resposta é si e non só unha aínda que ao longo deste artigo imos centrarnos nunha delas, a sociocracia, un modelo de organización e gobernanza creado na súa forma moderna por Gerard Endenburg, empresario holandés, na década dos 70’ s do pasado século.
Comunidades enfocadas cara á colaboración
Falar de sociocracia é falar de estrutura e cultura dentro da organización. Unha estrutura, a medio camiño entre a verticalidade que se enfoca no resultado e a horizontalidade que se enfoca no colectivo, que permite unha maior implicación das persoas na orientación e os resultados da organización e unha cultura que fomenta a colaboración e a comunicación o cal redunda nunha inmediata mellora do ambiente na comunidade xa que as enerxías diríxense cara a un mesmo obxectivo compartido.
A sociocracia empodera ás persoas socias pero para facer isto posible deben implantarse as condicións adecuadas. É dicir:
- Debe darse equivalencia entre os membros dos diversos niveis da organización de tal maneira que ninguén, nin o responsable do equipo, poida dominar aos demais membros sen que isto signifique que desaparezan xs lideres. Máis ben ao contrario refórzase o seu papel na execución ao compartir co seu equipo a responsabilidade nas decisións de orientación xeral.
- A atención dos membros debe estar dirixida cara ao proxecto común compartido que será o motor do equipo ao fortalecer o interese xeral.
- Debe favorecerse a libre circulación de información e a retroalimentación tanto interna como externa nun ciclo sen fin de tres pasos (entrada, procesamento, avaliación).
En poucas palabras, a sociocracia trata de recoller e canalizar toda esa enerxía que nas organizacións tradicionais adoita acabar dirixíndose cara á submisa frustración, o conflito ou o desinterese convertendo a cada persoa nun elemento que se sente valioso e recoñecido por unha comunidade que lle deixa ser.
Se queres afondar máis no tema podes premer aqui
Comentarios recentes